Verán no Gaiás 2023

Este verán haberá na Cidade da Cultura catro grandes espectáculos para pasar o tempo de lecer coa cativada en familia. Maxia, rock e circo ao aire libre e de balde! 

Info práctica

  • De balde
  • Público familiar
  • 4 ESPECTÁCULOS: 
    • MAXIA. Magic Space | Pedro Volta [Mér 28 xuño]
    • MÚSICA. Rock en familia | Queenmanía [Mar, 4 xullo]
    • MÚSICA. Isto é rock! | Javier Becerra e Carolina Rubirosa [Mér, 12 xullo]
    • CIRCO. Lemniscate | Cie. Bivouac [Mar, 18 xullo]

Magic Space. A maxia das estrelas | Pedro Volta | 28 Xuñ – 20 H | Praza central

O ilusionista Pedro Volta trae ao Gaiás un espectáculo de maxia inspirado nas sondas espaciais Voyager que se lanzaron ao espazo en 1977 e na exploración do Universo. Insólitos e modernos efectos de maxia que recordan o adestramento dos astronautas antes de ir ao espazo e que abraiarán ao público cos grandes misterios que aínda agocha o cosmos: viaxes interestelares, buracos negros, vida extraterrestre…

Rock en familia: Queenmanía | 4 xullo – 20 H | Xardín do Teatro

Un espectáculo musical para revivir a maxia da música en directo de Queen, unha das bandas de rock máis relevantes da historia. O grupo Play the Game renden homenaxe á banda de Freddie Mercury reproducindo ao detalle tanto a estética como o son co que os británicos conquistaron os escenarios de medio mundo. Un espectáculo pola súa historia e temas máis míticos nunha linguaxe adaptada ao público máis novo que fará que maiores e cativada bailen e se emocionen nunha mesma sesión.

Isto é Rock! con J.Becerra e C. Rubirosa |12 xullo – 20 H |Praza central

Un concerto interactivo que repasa a historia do rock da man de Javier Becerra (autor do libro infantil Esto es rock/ Isto é rock). Por que que é iso que chamamos rock? Onde xurdiu e como foi evolucionando co tempo? Cales foron as artistas e bandas que marcaron un antes e un despois no xénero? A todas estas preguntas reponde Javier Becerra de maneira amena e co acompañamento musical de Carolina Rubirosa, cantante e compositora galega cunha ampla traxectoria tanto en solitario como á fronte da orixinal agrupación compostelá The Funkles.

Lemniscate | Compañía Bivouac |18 xullo – 20H | Praza Central

Dous bailaríns e un acróbata sobre un poste chinés encarnan a tres individuos perdidos nun lugar que non existe. Entre liberacións e tensións, esvaróns e propulsións, gravidade e suspensión, evocan o carácter relativo e flexible do tempo-espazo. Unha interconexión que se fai visible, como unha escultura en movemento, nas oscilacións dos corpos, nos seus pesos e no latexo do tempo simbolizado por un metrónomo. Estrea en Galicia do último espectáculo da prestixiosa compañía francesa Bivouac, na que continúan a exploración física iniciada nos seus dous espectáculo anteriores: Corps Perdus e Perceptions.

Publicación orixinal aquí

Deja un comentario