XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” (Ames)

O XVII Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax” desenvolverase os días 21, 22 e 23 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Gala de novos talentos da maxia
A programación do FestiMax está composto por catro grandes espectáculos que se van a realizar os días 21, 22 e 23 de outubro. As actividades comezan o venres 21 de outubro, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa Gala máxica infantil. O mago inglés Cliff The Magician presentará o espectáculo Magical Mistery Tour. Este mago é especialista en realizar espectáculos para os máis cativos e cativas. Conta cunha longa traxectoria levando a súa maxia a diferentes teatros e centros educativos de diferentes países.

Tamén o venres, 21 de outubro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro desenvolverase o que será a principal novidade desta edición do festival de maxia. Trátase da Gala de novos talentos da maxia, que estará presentada polo mago Rafa e na que participarán Magic Mateo, Mago Iago, El Grand Na, Maga Aldara e Mago Alvart. A entrada para ver este espectáculo é de balde, pero haberá que adquirir o correspondente convite na Billeteira electrónica.

Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 22 de outubro, o mago David Maestro impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11.00h e a segunda a continuación ás 12.00 horas.

O domingo 23 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago David Maestro en dúas sesións, ás 11.00 e ás 12.00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal. En dito correo hai que poñer o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto.

Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional farase tamén o sábado 22 e mailo domingo 23 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Murphy de Madrid e participarán os magos Dani Polo (Galicia), Lore Lavand (Arxentina), Enric Magoo (Cataluña) e Hyun Joon Kim (Korea), que é un dos mellores magos na súa disciplina a nivel mundial.

Así, o sábado 22 realizarase o espectáculo Isto é maxia na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 23 de outubro desenvolverase o espectáculo Agora Maxia, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17.00h e a segunda ás 20.00 horas.

A venda de entradas e convites farase a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Deja un comentario