Talleres CGAC para familias

Do 21 de xaneiro ao 21 de maio de 2023, no Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela)

Unha actividade dirixida a familias con nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que queiran descubrir o amplo universo da arte contemporánea ou profundar no seu coñecemento.

Este ano cambiamos de continente para viaxar ata o norte África. Descubriremos a maxia, as cores e as historias que conteñen as obras de arte realizadas por creadores e creadoras contemporáneas de Marrocos. Mergullarémonos na súas culturas e paisaxes, nas tradicións máis antigas e na súa realidade cotiá. Farémolo levantando pontes cara a novos mundos, construíndo cidades, creando coa luz e coas formas dos lugares que habitamos.

FORMAS, CORES E NATUREZA. MALIKA AGUEZNAY

Sábado, 21 de xaneiro de 11:00 a 13:00 h. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 22 de xaneiro de 11:00 a 13:00 h. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 10 ao 19 de xaneiro (non se admitirán as solicitudes realizadas antes da data sinalada)

A Malika Agueznay fascínana a natureza, as paisaxes e formas vexetais que a rodean. En concreto, a flora mariña é unha continua fonte de inspiración para as súas pinturas. Como unha exploradora das plantas e dos seres microscópicos que habitan o mundo acuático, vai creando siluetas e compoñendo figuras que derivan en coloridas obras abstractas. Partindo dos elementos que atopamos na natureza, crearemos composicións e descubriremos seres microscópicos. Deixarémonos levar pola forza da cor e experimentaremos cos máis diversos materiais.

LUCES E ACCIÓN! YOUNES RAHMOUN

Sábado, 18 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 19 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 7 ao 16 de febreiro

O traballo de Younes Rahmoun xira arredor da cultura do seu país e das historias que lle acontecen e que recompila e transforma en curiosas obras de arte. Usa diferentes soportes e ferramentas de creación como o debuxo, as novas tecnoloxías e a experimentación coa luz. Neste taller construiremos espazos lumínicos, inspirarémonos nas estrelas e descubriremos o poder das sombras para crear construcións. Ademais, usaremos o corpo como material de creación.

UNHA VIAXE NO TEMPO. SARA OUHADDOU

Sábado, 11 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 12 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 29 de febreiro ao 9 de marzo

Sara Ouhaddou coñece moi ben a cultura do seu país e a importancia da tradición artesanal. Recollendo as formas máis antigas da arte marroquí, expresa a través do deseño e a creación un novo modo de defendela. Moitas veces son as letras, o alfabeto árabe, o que a inspira para dar a coñecer a súa historia. Anímaste viaxar entre os símbolos, a caligrafía e a artesanía árabes? Faremos coloridas colaxes onde fusionaremos culturas, buscaremos tesouros para contar historias con obxectos atopados como os arqueólogos nas súas expedicións e descubriremos os segredos do alfabeto árabe empregando os nosos corpos e a nosa imaxinación.

NOVOS MUNDOS. YTO BARRADA

Sábado, 15 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 16 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 4 ao 13 de abril

Yto Barrada fai fotografía, pintura, vídeo e esculturas. Nas súas obras crúzanse dous mundos: a tradición marroquí e a modernidade. Interésase polas estruturas das cidades, da sociedade, das fronteiras… A través do seu traballo, faremos un novo mapa do mundo, coñeceremos antigos xoguetes e exploraremos as técnicas de tinguidura con elementos naturais. Unha ponte entre a arte contemporánea e os saberes populares.

EN DOURADO. HASSAN DARSI

Sábado, 20 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 21 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 9 ao 18 de maio

Hassan Darsi pensa que a arte pode axudar a cambiar o mundo e a desenvolver a cultura dun país. O seu traballo está influenciado pola súa vida e a súa contorna. Por iso, moitas veces propón novas formas de construción para facer das rúas e edificios lugares para o benestar da xente. Encántalle colaborar con diferentes persoas para facer as súas obras e transformar obxectos cotiáns en algo divertido e diferente. A cor dourada é unha das súas favoritas: emprégaa en esculturas, pinturas e instalacións. Queres descubrir por que? Acompáñanos neste taller no que crearemos paisaxes de ouro e deseñaremos os nosos espazos ideais.

INSCRICIÓN: Os talleres son de balde e para participar é necesario enviar unha mensaxe por correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. A mensaxe deberá incluír o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono e un enderezo electrónico de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

PRAZAS: 10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares en cada taller

Deja un comentario