A Cabalgata de Reis 2023 da Coruña terá inspiración picassiana e partirá desde Os Mallos

A comitiva contará con 15 carrozas, 5 trens e 16 compañías artísticas e de animación así como 235 figurantes escollidos hoxe en sorteo

«Este ano a Cabalgata está dedicada ao ano Picasso e a arte na infancia, con carrozas con cores e luces que representarán diferentes etapas da vida de Pablo Picasso e dos seus símbolos: arlequíns, figuras imaxinarias, a pomba ou a música»

Inés Rey

A rexedora mostrou tres deseños correspondentes a tres das carrozas con inspiración Picassiana que se integrarán na comitiva. A carroza «Estudio do pintor», que ten como referencia o estudio onde Picasso levaba a cabo as súas obras; a carroza «Unidos pola paz», presidida pola recoñecida pomba picassiana e, por último, «A música e Picasso», inspirada na guitarra cubista do artista. As carrozas reais son Torres de Hércules, simulando as torres de caramelo que acostumaba debuxar Picasso, e cada unha delas terá unha cor diferente (vermello, verde e amarela).

En canto ao percorrido, a Cabalgata terá como punto de saída a explanada do mercado da Sardiñeira e sairá ás 18.00 h ata a rolda de Outeiro seguindo o percorrido por Alcalde Pérez Ardá e Ramón y Cajal ata a avenida de Oza. Continuará ata Catro Camiños, A Palloza e Primo de Rivera chegando á praza de Ourense por Linares Rivas. Este será o primeiro tramo do percorrido que ten unha duración prevista de hora e media, chegando á praza de Ourense arredor das 19.30 h. Despois continuará polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, rematando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20.30 h na praza de María Pita. A continuación, aproximadamente ás 21.15, os Reis Magos saudarán desde o Palacio Municipal a todos os nenos e nenas presentes na praza. 

Ademais, tamén con motivo do ano Picasso, na comitiva participarán varias compañías francesas así como outras de carácter local e nacional. Un total de 16 compañías artísticas e de animación que se situarán entre as carrozas para animar o público durante o paso dos Reis Magos. En total, a comitiva real está formada por preto de 1000 persoas.

Puntos accesibles e sen ruído

O percorrido contará ademais con 4 puntos accesibles e 2 puntos sen ruído. Os puntos accesibles estarán localizados na rúa alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses, na praza de Ourense na zona do Quiosco; fronte á parada do autobús no número 21 da Mariña, fronte á subdelegación do Goberno e, finalmente, na praza de María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Nestes catro puntos estarán ademais situados catro puntos de atención sanitaria e Primeiros Auxilios da man de Cruz Vermella. O situado en Pérez Ardá trasladarase a María Pita unha vez pase a cola do desfile co obxectivo de garantir a seguridade na praza.

Os dous puntos sen ruído estarán instalados no viaduto da rolda de Outeiro, na zona da parada de autobús situada na rúa Cabaleiros e no Teatro Colón, no interior do equipamento. Todos eles estarán atendidos por persoal de organización da Cabalgata, garantindo o seu correcto uso así como a seguridade das persoas que a utilicen.

Sorteo de figurantes e participación na Cabalgata

O pasado 19 de decembro o Concello abriu a convocatoria para que os nenos e nenas entre 6 e 11 anos que o desexen poidan solicitar participar como figurantes na Cabalgata. Esta mañá realizouse o sorteo das 235 prazas dos figurantes que participarán finalmente no desfile acompañando as súas maxestades. 

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a resposta cidadá a esta convocatoria neste primeiro Nadal sen restricións despois da Covid. «A verdade é que é un pracer ver como os coruñeses e coruñesas teñen ganas de celebrar este Nadal, un Nadal moi noso no que en total participarán 400 nenos e nenas entre figurantes, participantes no tren solidario e nas carrozas de patrocinadores que acompañarán as súas maxestades no desfile, anticipando unha noite máxica» sinalou.

Un total de 667 rapaces solicitaron participar como figurantes. As prazas definitivas publicaranse na páxina web logo da realización do sorteo. Todos os nenos e nenas recibirán de agasallo un disfraz de pintor, con gorro e lazo e bata branca. Os gorros e lazos son de cores vermello, azul, verde, naranxa e fucsia. Posteriormente estarán convidados a chocolate con churros. O 4 de xaneiro, os elixidos por sorteo para ir na cabalgata deberán acudir ao Coliseum a coller o seu traxe de pintor, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30.

Deja un comentario